lunes, 8 de mayo de 2017

Cociña da Costa Chica


A chamada "Costa Chica" é unha parte da cosa de Oaxaca e Guerrero. Que o nome non chame a confusión... é ben grande. Esta zona ten un montón de características propias, entre elas que sempre estivo moi illada dos vales de Oaxaca así que a cultura é moito máis semellante á Guerrerense. Outra das características da zona é que se trouxeron pola forza escravos africanos que son a orixe dunha poboación afromestiza en moitos dos lugares. 



Coma toda a costa central do Pacífico mexicano é un lugar de mistura culinaria. Por un lado están todas as tradicións locais da zona prehispánica, os productos que trouxeron os españois e as influencias asiáticas que viñeron no Galeón de Manila. E por suposto, influencias africanas. Pero é dificil separar cal é cal.

Eu sempre tiven curiosidade en coñecer a zona, e sobre todo investigar na súa cociña. Pero a viaxe que fixen foi curta e non houbo ocasión de investigar todo o posible. É un dos problemas de facer unha viaxe en grupo e ir con prisa. Ó final moitas das pausas de comer restrinxianse a unha estación de servicio e ... non é o mellor lugar para topar gastronomía local (para iso hai que entrar nos pobos).

O vaso

Ás veces son un tanto parvo. Estaba eu por Cuajinicuilapa (¡un nome macanudo, tentade lelo en voz alta rápido!) e coma sempre ca miña curiosidade cando vexo a señoras con perolas vendendo comida na rúa, vou a preguntar que hai. A maioría das veces dinme o nome de algo que non teño nen idea. Neste caso pasoume iso, pero por idiota. 

O que tiña a señora na perola era "vaso relleno de res". Vaia, algo raro que lle chaman vaso. Bueno, pois ainda que non tiña moita fame quixen probar aquelo, así que lle pedín que metese un pouco do guiso no bolillo (o pan de Gajinicuilapa é realmente bó para o habitual que hai por México). Estaba rico, era un guiso de carne escura de vaca con algún tipo de chile seco. 

Burro de min, esquecera que o B pronunciase coma o V (aquí e en México), e o Z pronunciase coma S (en México). Así que aquelo non era vaso, era BAZO. Bazo relleno por tanto.

Bolillos 

Ás pezas pequenas de pan chamanselle bolillos. No canto do pan veño de descubrir que son moito millores de sabor e calidade todos os pans que se fan fora da Cidade de México (cousa moi absurda porque Ciudad de México é onde acabaron a maioría dos europeos que son os que deberían comer pan). Entre os meus favoritos están os que teño tomado en Guanajuato e no estado de Guerrero. 


Istes eran unhas simples tortas de ovo con chourizo ... pero coma o pan era bó e os ovos eran de pobo, estaban de carallo.

Por certo, España... se hai tradición de bocadillos de tortilla de patacas, e se hai tradición de poñerlle chourizo picado en algunhas tortillas de patacas: estes bocadillos de ovo e chourizo mezclado poderíase facer alá. E están ben ricos.

Tamales

Coma en todo o país hai unha tradición de facer tamales. Tiven ocasión de probar uns en Mazunte, e estaban moi ricos. Tiñan a curiosidade de que se ben teñen a forma cuadrada dos tamales oaxaqueños, por contra estaban feitos con folal de millo. 


Por certo, as iguanas do lugar eran de cor negra:

Peixe

A gastronomía local é moito máis complexa e extraña, pero os turistas (mexicanos e estranxeiros) van con ideas fixas ó lugar, así que cando vas de restaurantes a oferta centrase moito nos camaróns (langostinos), no peixe (por sorte, non en filetes, se non enteiro) e nas tlayudas. (Cousas que pasan moito así que ás veces hai que dar unhas voltas e alonxarse dos restaurantes de turistas ou ir buscar onde comen os mexicanos do lugar). 

Documentos Adicionais

Coma dixen, quedou moito por ver, un pouco polo explicado (o da prisa, e o do enfoque dos lugares turisticos por unha cociña previsible para os turistas). Pero para aqueles que vos despertara curiosidade sobre as tradicións da Costa Chica, poño aquí uns videos de youtube moi interesantes sobre a zona.





No hay comentarios: