Por segundo ano repetimos (repetiu o que esto escribe) visita á Emoción dos Viños. E por segundo ano, a Emoción dos Viños ten un pacto especial co ceo, porque parou o mal tempo e fixo un día iluminado e soleado en Tui. Sinto non ter dado información previa do evento: pensei que estando anunciado en blogs moito máis visitados, xa non facía falta ... espero que non me vaiades dicir que non sabíades que había Emoción dos Viños 2013...
A miña visita foi moi, moi breve. Estiven apenas hora e media (non podía quedar máis). Pola mañá vin moito ambiente e moito visitante (e moito entusiasmo), así que deduzco que pola tarde houbo moita máis xente é que foi todo un éxito.
Unhas cantas fotos para poñer en situación (levei a cámara e tiña pensado sacar canda menos fotos de todos os viños que probei, pero ó fin, adiquei máis tempo a falar cos bodegueiros e enólogos ca a sacar fotos, cousa que non lamento nada):
Coma dixen, non puiden quedar moito tempo, así que foi unha visita moi fugaz: 3 bodegas e uns 6 viños.
Comenzamos con Lagar da Costa, dos que tiña moito interés, aparte de probar os seus moi prestixiosos brancos (destaco especialmente o Maio: cepas moi vellas, crianza pero non madeira, 2009 ☞ un viño elegante e xa con certa complexidade), o que quería era probar un experimento que están facendo: Viva La Vida, un tinto de Espadeiro, que ainda non se comercializa. Ainda non se pode dicir moito, porque é un experimento, e se non estou errado o que probei ainda estaba recén sacado da barrica, pero hai que admitir que promete moito, vai ser un viño moi orixinal. A ver coma o van evolucionando os da bodega.
Coma ía xustísimo de tempo non podía parar en moitas adegas, pero cando pasei por diante da mesa na que había o Couto Mixto, tiven que parar, tiña moita curiosidade. Fai uns anos púxose de moda falar de viños de garage (que supoño que sería unha moda traida de Francia), que era facer viños de pagos moi pequenos e en cantidades ridículas. Bueno, pois que recuen todos estes modernos, que isto sí que é unha bodega cativa:
Total transparencia, podedes ver fotos da bodega e o material e as viñas e as terras.
O Couto Mixto (tinto, seica fai outros viños) é un viño inusual para o que se estila nestes días: non é monovarietal e é bastante acoholico (14.5º). Un viño intenso e con moito caracter. Coma comentei eu co propio Xico, a min lembrabame moito ó viño antigo á tradición de hai anos que se perdeu, Xico comentou que a súa intención era parecida, a de recuperar os viños fortes que se facían cando se adicaban ás viñas a terras máis altas, que estaban moito máis soleadas cas do val que foron plantadas máis tarde.
E para rematar a miña visitiña, outro dos 'outsiders' do viño galego: Roberto Regal, que é enólogo (para outros) e bodegueiro (para sí). Coma bodegueiro produce viños na parte de Ribeira Sacra, pero non na parte do Sil, que todo o mundo coñece, se non na parte do Miño, en Saviñao.
Roberto Regal fai con uva mencía varios viños, todos mencías e todos moi orixinais: Toalde, Ora et Labora, Preanes. Estes viños teñen todos unha característica: son viños asociados todos a un lugar ou grupo de fincas particular (esta cousa dos franceses do Terroir). No video de enriba está moi ben explicado con fotos (meten medo algunha de estas fincas, a que sí). Facendo unha cata salteada de cada un de eles, daste conta da importancia que ten a terra, o sol, e a situación: todos son da mesma uva, e todos son bastante diferentes.
Pero eu vou destacar sobre todo o Diego de Lemos, que é cousa da abóa de Roberto. Un viño excelente, moi evocador, elegante. (E que non vos tire atrás a etiqueta, que parece moi de andar por casa: é un viño moderno algo a mercar e gardar).
Coma podedes ver, moi interesante. Coma xa dixen o ano pasado, é unha ocasión de probar viños diferente, inusuais, que non hai ocasión de topar nas tendas (e en ocasión nen sequeira nos supermercados, moitos de estes viños teñen tal demanda no estranxeiro que voan todos).
Pero sobre todo o máis interesante é poder falar cos seus creadores: bodegueiros e enólogos. Porque son viños moi persoais, son grandes viños porque os seus autores son uns persoeiros ben interesantes.
No hay comentarios:
Publicar un comentario