domingo, 17 de noviembre de 2024

Lembrando furanchos de Hío (que xa non abriron no 2024)

Se ben o tema dos furanchos parece que vai a toda máquina por todos lados o certo é que na parroquia de Hío a cousa vai un chisco diferte porque estan pechando furanchos. E bueno, para que quede un pouco de referencia en Internet de alguns dos que xa non existen. Porque, se ben hai unhas cantas guías de furanchos (Guia Furanchín) , non vin moita información destes furanchos. 

Unha cousa, non vou poder dar todos os detalles posibles sobre estes furanchos porque eu non puden ir moitos anos a eles. De feito podo darme por afortunado de ter conseguido coñecelos no 2023. Ainda así, e non sendo eu experto neles, coido que é importante relatalo porque estes 3 furanchos tiñan o seu aquel especial. (E todos os outros furanchos, cada furancho é especial e sempre é unha pena que desaparezcan).  

O furancho de Manolo en Viñó (Xaneiro 2023)

No tema dos furanchos exclusivos, pois o que abría Manolo en Viñó era o máximo: facía tan pouca cantidade de viño, que dura moi pouquíño tempo. De feito, ese ano, abriu o venres pola tarde, subín as fotos ó Instagram e o sábado xa pechou. Nen dous días enteiros durou! 

En aquel ano o viño que tiñan era só branco. O cal pega moito ca tradición de Viñó e da viciña Nerga. Segundo contan nos vellos tempos, toda a beira da praia que ía dende Nerga ata Donón (a praia de Barra e Viño) estaban bordeadas de parras baixas de viño branco. Plantadas na area. Seica tiña avantaxes porque gardaban a calor e maduraba mellor a uva e tamén evitaban os fungos. Así era nos vellos tempos, pero agora estas viñas pegadas á praia xa case non quedan. Ahí en Viñó Manolo e o seu viciño eran dos últimos cultivando.


Pois unha vez que pechou o furancho, xa se perdeu en parte a posibilidade de probar ese viño de area... Ainda que contan que as viñas de Manolo (xunto con outra uva da zona) esta agora sendo usada para elaborar o María Soliña de EntreVideiras. Viño que non probei así que non vos podo comentar moito, pero algún día caerá. 

O furancho A De Susa en Pinténs (Abril 2023)

Outra gran perda para o mundo furancheiro do Morrazo. Aqui podo contar que pasou porque falei co señor encargado. Xa se sentiu maior e non quixo seguir coidando das vides. E non habendo vides, tampouco continúa o furancho. Unha pena porque tiñan un viño xeitoso. Ogallá alguén se lle ofrecese a coidar das viñas e ainda que non haxa furancho, que siga acabando en viño. 

Pois coma xa estaba decidido que este furancho non continuaba, pois esta derradeira vez foi toda unha homenaxe e un evento, no que viu de visita moita xente.

E nós na familia pois sempre lembraremos o Furancho da Susa porque levamos a meu sobriño Lucas a comer e o campeón rillou unha ración de callos enteira, un cuarto de tortilla e logo rematou cunha ración de raxo. E apenas tiña 8 anos! Que ben o pasou. 

 Que claro, o cativo non lle demos viño, pero trouxeramos unha botella de zume de mazá, e os do furancho axudaron para facer a broma de deixarnos unha cunca así que os 3 bebemos pola cunca. E non sei se alarmamos a algún dos furancheiros pensando que estabamos a dar viño ó cativo. 😁

Furancho Norte de Donón (Marzo 2023)

Eu supoño que para os amantes do furancho enxebre, pois iste furancho non lles vale, porque tiña lugar nunha casa que antigamente debeu ser algún tipo de restaurante. Así que a cousa era moi profesional, con barra, mesas e tal. Pero ... iso xa non traballaba coma bar, se non que agora funcionaba como furancho.


Unha das cousas chamativas e especiais de este furancho era que tiñan moito moitos pratos de peixe. Nos pillamos unha panchada de raia frita, luras e tamén puntas de bacallao. Todo moi no punto e fabuloso. En canto ós viños pois preferimos o tinto. 

Pois non sei moi ben que pasou pero no 2024, cando preguntei cando voltaba a abrir este furancho dixeronme que nada de nada, que non ía abrir. Non sei se será definitivo ... pero ... neste memsmo 2024 paseando por Donón observei que unha viña gordísima que había de sempre, estaba arrincada e a parra xa desfeita. Non sei se sería a viña desde furancho, pero tampouco vaiades pensar que hai tantas parras xa en Donón.

Pois mira, para os que tedes ganas de tomar viños de Donón, tedes a sorte que queda un rapaz que sigue traballando nas vides e sigue vendendo o viño. É o rapaz que traballa na Casa das Pedras, que é un pequena taberna que está por onde se sube cara o Facho, alí en Donón mesmo.

domingo, 3 de noviembre de 2024

De Fonsagrada a Santiago: andar ben e xantar tamén

 Pois este outro ano voltamos a repetir meu pai e eu o Camiño de Santiago. Nesta ocasión comezamos en A Fonsagrada (Camiño Primitivo) pero logo desviamos por Friol ata chegar a Sobrado dos Monxes (Camiño do Norte). 


Nisto de facer o camiño somos uns tipos ben raros, porque ... outro ano máis constatamos que os galegos non fan o camiño. En case todos os sitios onde paramos (incluíndo en Santiago) estaban ben sorprendidos que fóramos de aquí e estiveramos facendo o camiño. Bueno, pois non sei, se ledes isto, animádevos que non é unha mala experiencia. E sobre todo, é unha experiencia diferente para cada un. 

Nos sómos tamén ó fin é o cabo uns peregrinos un pouco diferentes, somos de pasar polas aldeas, falar cos veciños, mirar un pouco coma van as colleitas (sempre peregrinamos en outono), parar a xantar menús do día e tomar viños. 

E bueno dúas cousas: 

A variante Lugo-Friol-Sobrado dos Monxes

Pois este ano tomamos o pequeno risco de tomar unha variante dos camiños "non oficial". Meu pai conseguiu información sobre ela online, e a verdade dende o comezo tivemos un pouco medo de perdernos ou que non estivera axeitada. Ademáis a información Turistica de Lugo e os dos Albergues en Lugo recomendaranvos non facela. 

Pois bueno, nos ímos dicir que estivo moito máis facil do que parecía. Esta sinalizada por unhas frechas brancas e verdes, e dende que saes de Lugo pois é bastante sinxela de seguir. A primeira parte vai por un sendeiro polo Rego de Mera (que é bastante grande para ser un Rego). E logo xa é so seguir as frechas. É un dos sendeiros máis xeitoso que teñamos feito nos caminos ... pero cando o fixemos nos houbera choivas fortes e estaba bastante enlamado. En verán debe estar moitísimo máis sinxelo, e en inverno, pois por contra vai estar fastidiado (hai a posibilidade de esquivar a lama tomando por estradas locais, non asustedes de todas formas). 



Sitiños nos que poidemos comer ben! 


O Pan de Iria en A Fonsagrada

En A Fonsagrada ten unha chea de lugares onde comer e bares: o Cantábrico, o De Luis, o Figueiro ou o Caldeira.  Pero ahí estivemos antes de comezar o camiño, porque o noso camiño comezou de mañanciña (antes de que amanecese). 

E xa estaba aberto o Pan de Iria. E sentounos tremendo ese almorzo. E ese croissant que fan ... unha maravilla, crocante e aireado. Excelente pastelería e excelente servizo. 

O Pan de Iria en A Fonsagrada


Bar O Xestoso en A Lastra (Baleira)

Entre A Fonsagrada e O Cadavo o camiño (e a estrada) pasa por A Lastra, e alí nunha curviña está un bar-tenda-taberna chamada O Xestoso. Unha parada inevitable. 

Coma en toda Fonsagrada, cas bebidas poñenche pincho do bo. E Balbina ó mediodía prepara tamén comidas (prato único), que din todos os viciños que son de primeira. 

No noso caso, íamos un pouco apurados porque queríamos acabar a etapa en Castroverde así que lle pedimos se nos preparaba algo para comer, e nos fixo unhas racións de chourizo da casa, salchichón e queixo do país. E poidemos probarlles o viño novo do año (en botella de agua mineral!). 

Excelente comida, e excelente trato. Quedamos ca gana de probarlles o arroz, pero xa será para outra. Eu cando pase pola estrada Lugo-A Fonsagrada, propoño pararlles sempre a visitar (e a mercar o mel e outros productos locales que teñen na tenda!). 

Bar Xestoso en A Lastra.

Pulpería Romeán en Lugo

Pois aquí nen imos dicir se este sitio está ben ou mal, nen vos imos recomendar. Nós só damos gracias por ter conseguido sitio, porque parece ser que todos os Lucenses teñen decidido reservar nesta pulpería. Nos tentamos dúas veces. O sábado non houbo sitio, e quedamos cas ganas. 

E coma ademáis de interesante, está pegado á Porta de San Pedro (cando fas o camiño chegas cas pernas cansas e non queres andar percorrendo a cidade) tentamos o luns (chamando para reservar) e conseguimos sitio! 

E quedamos moi satisfeitos. Unha "ración de pulpo" e unha de "carne ó caldeiro", e unha botella de mencía da Ribeira Sacra e xa quedamos xantados. Cantidade abundante e bó sabor. Xa sei que todo o mundo morre polo polbo, pero destacamos a carne ó caldeiro, moi tenriña e ben sabrosa. 



Taberna do Arcadio por A Retorta (Friol)

Esta taberna salvounos a vida. Porque a etapa Lugo a Friol era bastante longa e tiñamos ganas de parar en algún sitio. E mira, xusto case a metade de camiño vimos que ó lado había esta casa de comidas (recomendada polos viciños de A Retorta). E alá baixamos ata a "general". 

Merecevos ben a pena parar (se ides en coche cara Friol), xa só para coñecer a Arcadio é a súa muller, tomarlles un café ou unha cervexa. Non é un sitio para peregrinos (non teñen nen selo), pero sirven comidas para os que traballan na veciñanza e viaxeiros que pasan pola estrada. 

Ofrecen tres primeiros pratos (nos tomamos caldo de repolo e fabada) e máis e tres segundos (nos tomamos a carne guisada e as troitas). E postre, e café. 

¡¡Mil gracias!! 




Bar Cepo en Mesón (Sobrado)

Antes de chegar a Sobrado vindo polo camiño pasas por Mesón, e no lugar do Cepo hai esta casa de comidas. 

Nós safamos porque xusto chegamos un pouco despois de que comeran os obreros e antes de que chegaran os outros peregrinos (porque non pensáramos que había que reservar, pero sí ten moita demanda). 

Non sei se ofreen un menú máis amplio pero a nos nos trouxeron unhas lentellas (a fartar, deixaron a perola) e logo unhas costelas de porco quisada (riquísimas) con patacas. 

Bar Cepo en Mesón. 


O Café en Boimorto. 

É "O Café" ainda que na porta pon Cafe Bar Luis, agora xa cambiou de nome ainda que non de cartel. 

En Boimorto hai un restaurante (e moi recomendable), pegado á Casa do Concello, pero nos seguiramos andando e cando nos dixeran que tiñamos que desandar, pois non quixemos perder tanto tempo (andando un par de kilómetros ida e volta acaba levandoche moito tempo). 

Pero tivemos sorte porque en O Café, fan uns bocadillos, e vaia bocadillos. Enormes e ben sabrosos. Levo tempo sen tomar un bocadillo tan bó (e o pan é xeitosísimo). 

O Café en Boimorto. 


Estanco Suarez en O Pino. 

Iste estanco tiñao medio fichado porque eu no coche teño feito unhas cantas veces a viaxe Santiago-Curtis no coche e vira que neste estanco había xente fora tomando un café, así que supuxen que tamén era bar. 

E realmente é estanco, bar e tamén tenda de ultramarinos. É un pouco de todo. 

E para a nosa sorpresa (e beneficio) fan bocadillos. Pero ¡¡que bocadillos!! Sorprendeunos que para os bocadillos usan pan de bola e son enormes. Foinos de moito beneficio para descansar un rato da choiva (ese día tivemos moita choiva e frío) e recuperar forzas de cara a Labacolla. 

Estanco Suarez en O Pino.



O Tangueiro en San Lázaro (¿ou San Marcos?)

Pois mira, non estabamos moi seguros que tal ía funcionar o Tangueiro. Pero estabamos durmindo en O Monte do Gozo e case todos os sitios de San Marcos pechaban pola noite, así que era o que quedaba máis perto e que abría. 

E mira, non saiu mal. Fomos directo a por polbo cocido e carne (croca). Cunha ración de cada cousa e unha palomita de viño branco pois xa tivemos para cear. Non nos pareceu caro, e a comida estaba bóa.