domingo, 18 de enero de 2026

Bucatini con xurelos e fiuncho (bravo) á Siciliana


Xa levaba eu cun certo te tempo con ganas de probar esta receita que seica fan en Sicilia (digo o de seica porque nunca fun por alí, pero en realidade teño visto tantos videos e referencias á esta receita que teño clarísimo que iso é tipiquísimo de alá. 

Pois en Sicilia fan espaguetis con sardiña (ou peixiño azul, coido que con bocareus tamén), pero o choio especial é que usan ramas de fiuncho. E aquilo chamoume á atención ¿coma será isto de combinar peixe e fiuncho? ¿Terá un sabor moi forte? ¿A peixe ou a fiuncho? 

E mira para conseguir o fiuncho, non sei se en Sicilia sementan o fiuncho, pero aquí en Galicia o fiuncho crece bravo. Así que sain de paseo e cando vin un mato de fiuncho arrinqueino enteiro, de raiz (o da raiz vai para outra cousa, xa contarei).  

Receita que usei: Pasta con le sarde, profumo di Sicilia

Neste caso para a pasta o que se fai primeiro é lavar o fiuncho, e cociñase en auga fervendo durante 10 minutos (parecía un pouco de tempo de máis, pero finalmente si vin que o fiuncho contrariamente a outras verduras vese que é bastante rabudo). E non tiredes a auga. Esa mesma auga servirá para cocer a pasta. (Outra cousa a deixar feita é coller as uvas pasas e metelas en auga para que hidraten.) 

E antes de comezar co resto, pillei a tixola quentei aceite e torrei o pan raiado (mollica), e gardo para o final (este choio de torrar en aceite pan raiado para poñer enriba dos pratos de pasta é algo que teño visto en moitas receitas e videos dos italianos). 



E bueno e logo o resto do choio ven sendo o clásico de compa preparan a pasta os italianos. De feito na receita que vos compartín arriba esta ben explicad cada paso cunhas fotos caralludas (xa sei que está en italiano, pero todos os navegadores traen a opción de traducir). A ver se cadra o único detalle que lle fixen eu é que non lle metin tanto azafrán, en lugar de picar moi finiño a cebola deixeina coma vedes así en tiras grandes, e que non tiña xoubas/bocareus se non uns xurelo un chisco grandes así que fixen filetes e corteinos en tiriñas. E dinlle un toque picante porque metín co allo a dourar uns "peperoncino" secos ben rabudos que temos na casa. 



E bueno, o choio máis importante e que máis dúbida me quedaba cando comecei o choio era .... ¿que tal sabe esta combinación de peixe con fiuncho? 

Pois a parte interesante é que ó fervelo como que perde parte do forte do arrecendo do fiuncho (ainda que sí que o prato vai saber a fiuncho a dor) (e non vos preocupedes porque se coza a pasta na auga dos fiunchos, non se lle notou tanto)... Pero o máis interesante e que o sabor forte do peixe azul co fiuncho pegou moi ben. Coido que as dúas cousas por separado serían coma moi intensas, pero xuntas coma que se compensan. 

Pois en resumo, unha receita que apunto e que penso repetir en algunha ocasión máis. O único problema é que obviamente, como o fiuncho non se vende en tendas pois teño que facer por localizar. (E si, xa sei que hai moito fiuncho por ahí, pero coma adoita a crecer en sitios baldíos ou pegado a camiños non sempre esta en moi bó estado ou non sempre se dá con el). Pero se vexo un mato de fiuncho case seguro traio para casa e tomo con sardiñas ou algun outro peixe. 

E coma final, iste video foi un dos que me deu ganas de probar isto da pasta con sardiñas:


No hay comentarios: